01/11/17

Obradoiros polo Samaín!!!

Celebrando o Samaín no colexio, organizamos catros obradoiros.
O primeiro, "Obradoiro de cabazas", levámolo a cabo grazas á colaboración das familias. Nas casas, os nenos e nenas creamos as cabazas coas que decoramos o corredor principal.

Convocado o "III Certame de Contos de Medo", puidemos realizar nas aulas o segundo taller, "Obradoiro de Contos de Medo". Os rapaces e rapazas ideamos e escribimos as nosas arrepiantes historias. A partir delas, construimos un cubo coas personaxes do conto debuxadas nas caras, de xeito que, podiamos secuenciar e narrar o conto visualizando o dado. 
Asemade, decoramos carautas de caveiras e elaboramos adornos e murais cos que enfeitamos o colexio.
Empregando froitas e lácteos, efectuamos o terceiro taller, "Obradorio de alimentación". Os maiores do colexio elaboramos escumosos batidos e aterrecedoras composicións en forma de arañas, vermes, cabazas, pantasmas..., que puideron degustar todos os compañeiros e compañeiras no período de lecer.

Ao mesmo tempo, os lambóns dos pequerrechos, realizaron un obradoiro no que crearon batidos e saborosas galletas con forma de terroríficas arañas.
Rematamos a celebración do Samaín cun cuarto taller, "Obradoiro de contacontos". Cos contos creados para o III Certame de Contos de Medo, durante a "Hora de ler", preparamos unha sesión de contacontos. Porén, reunímonos todos na Biblioteca do Checho e, alí, gozamos coa lectura dalgunhas aterradoras historias.
Pincha AQUÍ para ver todas as fotos
Malia todo, aínda nos agardaba unha pracenteira sorpresa... Os nenos e nenas de 1º de Primaria asombráronnos cunha canción argallada por eles mesmos para superar os medos do Samaín.
Grazas a todos por participar e facer posible a realización de todos estes obradoiros!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario